






Portugal, país querido, admirado e frecuentadísimo por mín, está cheo de pezas arquitectónicas que me fascinan. Como xa hai moito tempo que non vos amoso ningunha vivenda, unha vez máis por falta de tempo, non de ganas, hoxe xa nos tocaba, así que imos coñecer unha obra do arquitecto Mário Rocha. (Con este nome tiña que adicarse á construcción)
Ver de cando en vez boa arquitectura é algo moi necesario para educar o gusto, igual que ver bo cine ou calquera mostra de arte ou cultura de calidade. Coñecer a historia da arquitectura axudará a evitar aberracións estéticas, por desgraza, tan comúns na nosa terra. Se nos afacemos a ver liñas puras, sinxelas, sen ornamentos innecesarios, aproveitando os materiais da contorna e sen estridencias, é posible que non se nos ocorra a marabillosa idea de facer na nosa vivenda un peche cheo de leóns de pedra (nas proximidades da miña casa hai unha), pintar a casa de violeta (a carón do insti temos unha mostra) ou rodeala con columnas tipo cariátide (esto non o vin pero aposto a miña testa a que existe).
Mário Rocha utiliza para pechar a casa, pedra da zona que está perfectamente integrada co resto dos materiais que utiliza como a madeira, o cristal ou o aceiro. Utiliza a cor branca, sempre é máis luminosa e racionalista, e vidros inmensos que comunican o interior co exterior. Ten algúns detalles que omitín porque, para o meu entender, afeaban a construcción pero, en xeral, os materiais están ben elixidos e é un tipo de vivenda que é máis asequible que outras que vos amosei noutras ocasións.
Casas para soñar ¿non si?